CATÓLICOS DE LUGO – Clausura do curso de lingua e cultura galega

Comparte


O pasado 10 de decembro, o Salón de Actos do Seminario Diocesano de Lugo acolleu o acto de entrega de diplomas do curso “Introdución á lingua e á cultura galegas”, organizado por Cáritas Diocesana de Lugo coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

O acto, clausurado polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, contou tamén coas intervencións da directora de Cáritas Lugo, Mª Amparo González Méndez, e do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Un programa que segue medrando

Cáritas Lugo pechou recentemente a terceira edición do seu curso intensivo de introdución á lingua e á cultura galegas, dirixido a persoas con interese en aprender e integrarse máis na realidade social de Galicia. Este programa, que se consolida ano tras ano, aposta por achegar o galego dunha maneira accesible, práctica e próxima, combinando contidos lingüísticos con aspectos culturais e xeográficos do territorio.

O curso, financiado pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, tivo unha duración de 20 horas e ofreceu un certificado oficial, o que supuxo un valor engadido tanto a nivel persoal como profesional. A metodoloxía, baseada en actividades dinámicas, explicacións claras e exemplos cotiáns, permitiu ao alumnado adquirir vocabulario básico, expresións útiles e unha maior comprensión da cultura galega desde unha perspectiva práctica e inclusiva.


O conteúdo Clausura do curso de lingua e cultura galega aparece primeiro em Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo.